Versión en castellano
Inicio Novas Máis de medio cento de rapaces participaron na Festa do Neno do Concello de Frades
Máis de medio cento de rapaces participaron na Festa do Neno do Concello de Frades
Martes, 06 Outubro 2009 17:21

Máis de medio cento de nenos e nenas participaron na Festa do Neno organizada polo Concello de Frades, que tivo lugar na piscina municipal de Papucín na tarde do sábado 11 de xullo. Unha gran festa que este ano trasladouse do tradicional campo de fútbol de Vitre ata as instalacións da piscina municipal fradense, onde os rapaces puideron xogar non só cos tradicionais xogos de inchables de terra, senón tamén con outros inchables de auga entre os que se incluían unha portería e unha rede inchable para xogaren ao waterpolo e ao volley.

Así mesmo, o Concello de Frades puxo a disposición de todos os participantes a posibilidade de realizaren pequenos traxectos turísticos gratuitos polo municipio a bordo dun tren turístico. Un convoy que facía percorridos por todas as parroquias de Frades, alternando o percorrido longo (1 hora) e o curto (media hora).

O Concello de Frades tamén organizou unha zona para xogos de ordenador, concretamente coa consola Wii e o xogo wii-sports, que tamén reuniu a numerosos incondicionais. A media tarde, o clown “Trasno” fixo rir a gargalladas a todos os pequenos coa súa actuación, na que misturou malabares, maxia e, sobre todo, bo humor. Durante toda a xornada, o Concello de Frades repartiu entre os pequenos refrescos, lambonadas e globos, de xeito totalmente de balde.