Versión en castellano
Inicio Novas Nenos e adultos de Frades asisten a sendos obradoiros sobre o cambio climático
Nenos e adultos de Frades asisten a sendos obradoiros sobre o cambio climático
Luns, 15 Marzo 2010 20:06

cambioclimaticonenosUnha trintena de nenos e nenas do Colexio de Pontecarreira (de 1º, 2º e 3º de Primaria) así como unha vintena de veciños e veciñas de Frades participaron en sendos obradoiros sobre o cambio climático, organizados polo Concello de Frades en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Dous talleres que se complementaron cunha exposición sobre a problemática do cambio climático e as bondades do aforro energético que se puido visitar no multiusos de Frades. 

 

Os obradoiros impartíronse nas instalacións do CPI de Pontecarreira e no multiusos de Frades, respectivamente. Os monitores realizaron unha primeira explicación xeral sobre o que é o cambio climático e cales son as súas causas. Posteriormente realizaron varias demostracións prácticas sobre temas relacionados co aforro enerxético e resolveron as dúbidas dos presentes. Entre outros exemplos, os monitores explicáronlles aos veciños e veciñas de Frades o aforro económico e para o medio ambiente de utilizar bombillas de baixo consumo no canto das habituais.

 

Ademais, déronlles consellos sobre como aforrar no consumo de auga ou nos electrodomésticos da casa, exemplificando canto pode consumir ter un cargador de móbil enchufado ou non apagar a televisión.  Para que poidan ir poñendo en práctica o aprendido nestes obradoiros, o Concello de Frades e a Consellería de Medio Ambiente fixéronlles entrega de tres agasallos: unha bolsa reciclable, unha bombilla de baixo consumo e un atomizador do grifo (un filtro que reduce o consumo de auga).