Versión en castellano
Inicio Novas Os Concellos de Frades e Mesía inician o seu obradoiro de emprego conxunto
Os Concellos de Frades e Mesía inician o seu obradoiro de emprego conxunto
Xoves, 23 Decembro 2010 15:58

presenobradoiroOs concellos de Frades e Mesía acaban de iniciar o obradoiro de emprego conxunto que desenvolverán durante os vindeiros doce meses, e que formará a 25 alumnos-traballadores en dúas modalidades: traballos forestais e auxiliar de axuda a domicilio. Ao acto de presentación de alumnos e equipo directivo do obradoiro acudiron o alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, e a concelleira de Xuventude e Emprego de Mesía, Pilar Sánchez.

 

O alcalde fradense animou aos participantes a “aproveitar a formación que recibirán neste obradoiro porque será moi importante para a súa futura inserción no mercado laboral, ben sexa como traballadores por conta allea ou en iniciativas de autoemprego como a creación dunha empresa”. Do mesmo xeito, o alcalde de Mesía apelou á “responsabilidade” de todos os participantes para que se cumpran “escrupulosamente e con todo o rigor os obxectivos do obradoiro”.

 

Tanto Miguel Prado como Mariano Iglesias destacaron como “exemplar” que este obradoiro de emprego se desenvolva de forma conxunta entre os dous concellos. O alcalde de Frades lembrou que “de 94 concellos que hai na provincia da Coruña, só 7 recibiron un obradoiro de emprego, e para Frades e Mesía supón un éxito estar entre eles, porque competiamos con outros de maior poboación como Ordes, Carballo ou Arzúa”. Na mesma liña, o rexedor de Mesía afirmou que “sen a colaboración de Frades, Mesía non tería este obradoiro, e sen a colaboración de Mesía, Frades tampouco o conseguiría” e remarcou o “importante esforzo” das dúas administracións locais para poñelo en marcha.

presentacionobradoiroweb

 Características do obradoiro

 O “Obradoiro de Emprego Mesía-Frades I” conta cun investimento de 570.000 euros, dos que a consellería de Traballo e Benestar achega 540.000 euros e cada un dos concellos 15.000. Supón a contratación de 31 persoas, os  25 alumnos que ata agora estaban en situación de desemprego e os 6 formadores. Prado e Iglesias incidiron especialmente na “extraordinaria valía” do equipo directivo e de formación, polo que confían en que o obradoiro sexa un éxito.

 Esta iniciativa mixta de formación e emprego conta con dúas especialidades: traballadores forestais e auxiliares de axuda a domicilio. As clases teóricas acaban de comezar no antigo colexio de Lanzá (Mesía) e as prácticas terán lugar nos dous concellos por igual.

 

O alcalde de Frades considera que as dúas modalidades “son moi demandadas tanto en Frades como en Mesía”. Miguel Prado explica que “os auxiliares de axuda a domicilio son uns profesionais especialmente solicitados en ambos concellos, pois temos unha poboación bastante envellecida que precisa destes servizos”. En canto á especialidade de traballos forestais, os dous rexedores coinciden tamén en que será moi beneficiosa ao permitir acondicionar espazos naturais, áreas recreativas, prazas públicas e zonas verdes, e realizar actuacións de recuperación do patrimonio etnográfico de ambos municipios.