Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades abre o prazo de solicitude de bonificación do 95% do IBI para actividades agrarias ou gandeiras
O Concello de Frades abre o prazo de solicitude de bonificación do 95% do IBI para actividades agrarias ou gandeiras
Mércores, 05 Outubro 2016 00:00

O Concello de Frades abre o prazo de solicitude da bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Ben Inmobles (IBI) onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 30 de novembro.


O Concello de Frades porá un servizo técnico á disposición dos veciños e veciñas de Frades para axudarlles na presentación das solicitudes e da documentación anexa, que estará dispoñible os martes e xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas, na casa consistorial de Frades (981 695 567). Entre a documentación que se deberá presentar figuran: solicitude da bonificación, certificado de Facenda no que conste a situación censual da persoa solicitante (ou autorización asinada pola interesada para obter os datos dende o Concello) e credencial da titularidade catastral do inmoble (a través da credencial da referencia catastral do inmoble onde se exerce a actividade e do título que habilita para a realización da actividade gandeira ou agraria nese inmoble).

 

Así mesmo, haberá que presentar un certificado de non ter débedas coa Facenda Estatal, Autonómica ou Local nin coa Seguridade Social e un xustificante do recoñecemento de explotación ou licenza de actividade correspondente, presentando o Libro de Explotacións Agrarias ou Gandeiras actualizado a 2016 xunto coa folla de saneamento no caso das explotacións gandeiras de vacún, ovino e caprino.

 

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “desde o Concello estamos facendo todo o posible dentro das nosas competencias para que os nosos gandeiros e gandeiras poidan obter a máxima bonificación posible no IBI das súas explotacións”. Por esa razón, o Concello propiciou unha modificación da ordenanza fiscal municipal que rexe este imposto en Frades, que foi aprobado na sesión plenaria de agosto de 2015 cos votos a favor do PP e a abstención do BNG.

 

Agora que entra en vigor o cambio desta norma, son os veciños e veciñas interesadas en acceder a esta bonificación quen teñen que solicitalo no Concello, que os declarará inmobles de especial interese ou utilidade municipal. Unha declaración fundamentada en circunstancias sociais, económicas e de emprego, xa que a gandería é a principal actividade económica de Frades.