Versión en castellano
Inicio Novas Once gandeiros de Frades recibiron no 2016 axudas por 690.000 euros para plans de mellora e incorporación de mozos
Once gandeiros de Frades recibiron no 2016 axudas por 690.000 euros para plans de mellora e incorporación de mozos
Venres, 10 Febreiro 2017 21:53

mediorural2017webUn total de 11 gandeiros de Frades beneficiáronse no 2016 das axudas de Medio Rural para incorporación de mozos á actividade agraria e para plans de mellora das súas explotacións. Así llo transmitiu a conselleira Ángeles Vázquez ao alcalde de Frades, Roberto Rey, e ao concelleiro de Economía e Medio Rural, Manuel Ferreiro, cos que se reuniu en San Caetano para avaliar estes datos e analizar, en xeral, a situación e perspectivas de futuro do agro no noso municipio.

 

Os fondos recibidos por Frades representan arredor do 4,4% do total destinado por Medio Rural á provincia da Coruña e o número de expedientes aprobados no noso concello supón o 3,5% do global provincial. Así, as axudas recibidas polos gandeiros neste municipio suman algo máis de 690.000 euros, mentres que o total da provincia ascende a 15,6 millóns de euros. En canto aos expedientes, os 11 aprobados en Frades forman parte dos 310 rexistrados na provincia da Coruña.

 

A conselleira explicoulle ao alcalde que estas achegas teñen como obxectivo fundamental dinamizar o tecido económico e social do agro, fomentando a remuda xeracional nas explotacións e procurando a súa maior competitividade, a través de diversas melloras na súa xestión. Ademais de abordar estes asuntos, a conselleira e o rexedor municipal trataron tamén outros aspectos relacionados coa mellora das condicións de vida da poboación rural e a dinamización do agro neste concello da comarca de Ordes, no que o sector do vacún de leite ten un peso destacado.

 

En concreto, o rexedor trasladou o seu interese en arranxar unha serie de infraestruturas co fin de mellorar as vías de comunicación entre os veciños e veciñas do municipio. “Agradecémoslle á conselleira o seu apoio na reparación das tres pontes derrubadas polos temporais de 2016 e trasladámoslle a necesidade de arranxar outras pontes e camiños en mal estado”, explica Rey Martínez. A conselleira indicou que estudará a petición para así mellorar a calidade de vida dos habitantes de Frades.