Versión en castellano
Inicio Novas Clausurado o Obradoiro de Emprego de Ordes e Frades, que formou a vinte persoas nas especialidades de albanelería e actividades auxiliares en viveiros e xardíns
Clausurado o Obradoiro de Emprego de Ordes e Frades, que formou a vinte persoas nas especialidades de albanelería e actividades auxiliares en viveiros e xardíns
Venres, 03 Marzo 2017 00:00

ClausuraObradoiro2O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, clausurou esta mañá na estación da Pontraga (Ordes) o obradoiro de emprego Ordes-Frades, que formou a 20 alumnos traballadores nas especialidades de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría. Un obradoiro financiado con 179.134,20 euros pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos Concellos de Ordes e de Frades cuxos alcaldes, José Luís Martínez Sanjurjo e Roberto Rey Martínez, tamén asistiron á entrega de diplomas ao alumnado.

No acto, Ovidio Rodeiro puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. “Vese moito cariño e mimo nas cousas que fixestes e iso tamén o vén as empresas do entorno”, apuntou Rodeiro Tato. O delegado salientou que con estas iniciativas a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo, pois hoxe recibiron un certificado de profesionalidade, plenamente vixente e oficial en todo o territorio nacional.

 

O delegado territorial lembrou que este curso desenvolvéronse 24 obradoiros de emprego e 8 de Garantía Xuvenil na provincia da Coruña, que beneficiaron a preto de 600 persoas en situación de desemprego de 72 concellos e cun investimento de máis de 5.328.000 euros. Ademais, Ovidio Rodeiro avanzou que hoxe sae publicado no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas para os obradoiros de emprego e obradoiros de garantía xuvenil á que este ano a Xunta destina un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior.

 

Actuacións en Ordes e Frades

 

Os alcaldes de Ordes e Frades agradeceron o traballo realizado polo alumnado e o profesorado do obradoiro e coincidiron en solicitar o apoio de Ovidio Rodeiro para a solicitude dun novo taller. O alcalde de Frades, Roberto Rey, convidou aos presentes “a vir este verán a Papucín para que poidades ver en uso a primeira piscina infantil que temos en Frades, que poderemos desfrutar grazas ao traballo que fixestes no muro” e salientou especialmente a restauración da antiga escola unitaria do Cabezo (Abellá), “que imos dedicar a acoller actividades culturais e sociais, como zumba e pilates, así como campamentos de verán”.

 

Pola súa banda, o alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, foi o encargado de dar por clausurado o obradoiro. “Valoro moito esta experiencia, non só dende o punto de vista laboral, senón tamén persoal. Ademais de facer obras importantes en zonas verdes e locais sociais de Ordes, teño que agradecer a vosa capacidade de traballo pois sei que mesmo viñestes algunha tarde para poder rematar todos os traballos”, apuntou o alcalde ordense.

 

Actuacións

 

O obradoiro de emprego de Ordes-Frades formou a 20 alumnos-traballadores nas especialidades de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría durante os últimos seis meses. Contou con cinco profesionais, que desenvolveron a súa actividade como monitores, director e persoal administrativo.

 

Durante eses seis meses realizaron importantes obras en beneficio da cidadanía, como a restauración da escola unitaria do Cabezo (Abellá), as melloras en xardinería na piscina de Papucín, a recuperación do campo de fútbol de Vitre ou a restauración das áreas recreativas de Aiazo e da Presa-Ledoira, no municipio de Frades. En Ordes, o alumnado do obradoiro procedeu a realizar melloras nos locais sociais de Santa Cruz de Montaos e Buscás, así como no parque infantil Pilar Martínez ou na área recreativa da Pontraga.