Versión en castellano
Inicio Novas Últimos días para anotarse na IV Carreira Pedestre Popular de Frades, que xa conta con 200 inscricións e repartirá 1.225 € en premios
Últimos días para anotarse na IV Carreira Pedestre Popular de Frades, que xa conta con 200 inscricións e repartirá 1.225 € en premios
Martes, 09 Maio 2017 00:00

ivcarreirapedestrewebÚltimos días para anotarse na IV Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, que terá lugar este sábado 13 de maio e repartirá 1.225 euros en premios. A día de hoxe xa hai 200 atletas inscritos polo que, tendo en conta que a gran maioría agarda aos últimos días para anotarse, o Concello de Frades agarda poder igualar e mesmo superar os 400 participantes do ano pasado. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es: 5 euros para a proba absoluta e gratis para as demais. O prazo de inscrición pecharase ás 23:59 horas deste xoves 11 de maio.


A proba terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha extensión de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. Os atletas competirán por 1.225 euros en premios, que se repartirán entre os cinco primeiros clasificados (250, 150, 100, 75 e 50 euros) e entre os tres mellores equipos tanto na categoría masculina como feminina (150, 100 e 50 euros).

 

Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres, así como premios especiais ao club-entidade-colexio que achegue máis corredores e trofeo para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, o Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares e camisetas conmemorativas a todos os atletas.

 

Servizo de fisioterapia

 

A carreira desenvolverase a partir das 17:00 horas na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal terá saída ás 18:30 horas e percorrerá 8,6 quilómetros en ruta, combinando asfalto e terra. Haberá servizo de vestiario e de duchas á disposición de todos os atletas no polideportivo municipal, así como servizo de fisioterapia para aqueles atletas que o precisen e avituallamento con froita e bebida ao remate da proba.

 

A IV Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Galega 100%, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Infantilandia, Camba Distribuciones SL, Pepsico, Supermercado Claudio, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Froitería A Nova, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.