Versión en castellano
Inicio Novas A XX Festa dos Maiores do Concello de Frades reuniu a máis de 550 veciños e veciñas na carballeira de San Nicolao
A XX Festa dos Maiores do Concello de Frades reuniu a máis de 550 veciños e veciñas na carballeira de San Nicolao
Luns, 29 Maio 2017 00:00

FestadosMaiores2017biswebMáis de 550 veciños e veciñas participaron na XX Festa dos Maiores de Frades, celebrada este sábado na carballeira de San Nicolao (Frades). Un acto que estivo presidido polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; quen felicitou ao Concello de Frades por levar vinte anos realizando esta celebración. Ambos estiveron acompañados polos concelleiros do Grupo de Goberno e por José María Botana, fillo predilecto de Frades. Máis fotos no noso Facebook.


A diferenza do ano pasado, o tempo acompañou e iso notouse no cómputo xeral das persoas presentes, xa que se incrementou o número total en máis de medio cento de participantes e tamén se acadou un número récord en persoas maiores de 90 anos presentes na festa: un total de 18. A festa comezou ás 13:00 horas cunha misa, que deu paso a unha primeira actuación do grupo Eva e Camilo.

 

Despois tivo lugar o xantar de confraternidade, gratuíto para todas e todos os asistentes e servido polo restaurante Casa Taboada (Touro). Como é habitual, o menú estivo composto por empanada, polbo e carne asada, con torta e xeado de sobremesa. A partir das 16:30 horas, a música correu a cargo dos grupos folclóricos “Sarillo” (Aiazo) e “Pinga de Troula” (Galegos), que debutaba oficialmente.

 

Persoas homenaxeadas

 

FestadosMaiores2017webO Concello de Frades homenaxeou aos veciños e veciñas maiores de 90 anos participantes na festa, a quen o alcalde e os concelleiros lles entregaron como agasallo unha reprodución da casa consistorial. Entre os homenaxeados figuraba Ramiro López Cotón, que o próximo 29 de setembro cumprirá 100 anos e que é o único que asistiu a todas as edicións da festa e que conta cos dez agasallos aos maiores de 90 anos.

 

Os 18 homenaxeados foron (de dereita a esquerda na foto): Jesusa Neira González (90 anos, Papucín), Jesús Carro Mandaio (94 anos, Papucín), Carmen Miranda García (90 anos, Galegos), Encarnación Fernández Lavandeira (90 anos, Frades), Dosinda Fernández Lavandeira (92 anos, Galegos), Aurora Blanco Gómez (90 anos, Moar), Visitación Bello Couceiro (95 anos, Moar), Isabel Fernández Regueira (91 anos, Gafoi), Adolfo Gestal Castro (92 anos, Gafoi), Dolores Dono Suárez (94 anos, Papucín), Consuelo López Cao (90 anos, Vitre), Isolina Souto Ares (92 anos, Papucín), Clodomiro Cabanas Naveiro (94 anos, Aiazo), Rosalía García Corral (92 anos, Moar), Antonio García Graña (91 anos, Moar), Ramiro López Cotón (100 anos, Aiazo), Rafael Suárez Lavandeira (93 anos, Abellá) e Manuel Neira Rey (90 anos, Aiazo).

 

A homenaxe rematou cunha nova actuación do dúo Eva e Camilo, momento no que os maiores escolleron entre botar unhas bailas, algúns dos maiores de 90 anos incluídos, mentres outros saíron á carballeira para participar nos xogos populares de Garabato de Xogos.