Versión en castellano
Inicio Novas Frades convoca os seus campamentos de verán para nenos e nenas de máis de 4 anos, que terán lugar do 10 de xullo ao 12 de agosto
Frades convoca os seus campamentos de verán para nenos e nenas de máis de 4 anos, que terán lugar do 10 de xullo ao 12 de agosto
Luns, 19 Xuño 2017 15:54

O Concello de Frades convoca os seus campamentos municipais de verán para nenos e nenas maiores de 4 anos, que terán lugar do 10 de xullo ao 12 de agosto, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Os campamentos terán o seu centro de operacións no CPI Ponte Carreira, con traslados puntuais a outras instalacións municipais (piscina de Papucín, campo de fútbol de Abellá, multiúsos...).


As familias interesadas en participar neste programa de conciliación deberán anotarse no Concello de Frades (981 695 567 ou 981 695 663) antes do martes 4 de xullo. Os prezos mantéñense igual co ano pasado: 25 euros para persoas empadroadas e de 35 euros para non empadroadas pola primeira quincena do mes. No caso do mes completo, os prezos serán de 50 euros e 70 euros, respectivamente. As persoas interesadas na primeira semana de agosto deberán aboar 12 euros (empadroadas) ou 17 euros (non empadroadas). En todos os casos, o Concello de Frades establece un desconto do 20% polo segundo irmán e do 50% polo terceiro.

 

Os campamentos incluirán xogos, obradoiros, sesións de cociña, xardinería, sendeirismo, cancións, bailes e visitas á piscina de Papucín, con festas de fin de quincena. Ademais, están previstos obradoiros de pulseiras, cupcakes, cociña e traballos manuais, así como diversas actividades deportivas e actividades en inglés.