Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades achega 6.000 euros a doce asociacións de veciños e comisións de festas do municipio
O Concello de Frades achega 6.000 euros a doce asociacións de veciños e comisións de festas do municipio
Xoves, 29 Xuño 2017 13:39

ComisionsFestas2webO alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, vén de asinar os convenios de colaboración con doce asociacións de veciños e comisións de festas do municipio polos que o Concello de Frades achegará 500 euros a cada entidade para a organización das distintas festas patronais do municipio. En total, o Concello de Frades achegará 6.000 euros, que poderán ser empregados para aluguer de carpa, gastos de electricidade, actuacións musicais ou pirotecnia nas festas patronais de Frades.


As entidades beneficiarias destas axudas son as Comisións de Festas de Céltigos, Mesos e Ledoira, para a realización das festas da Nosa Señora de Augas Santas (10 de setembro), Santa Margarida (20 de xullo) e do Carme (6 de agosto). Tamén recibiron eses 500 euros a asociación cultural Rutural de Añá, para as Festas de San Paio (24 de xuño) e Santa María (15 e 16 de agosto) e as asociacións de veciños Os Pasos de Aiazo, para a Festa de San Pedro e Corpus (1 e 2 de xullo) e San Roque (20 de agosto); San Xoán de Vitre, para a Festa de San Xoán (24 e 25 de xuño) e Nosa Señora das Virtudes (2 de setembro); e Rexente de Ponte Carreira, para as Festas de Santa Mariña (18 e 19 de xullo).

 

Finalmente, tamén resultaron beneficiadas as asociacións de veciños Os Labregos de Abellá, para as festas do Corpus (15 de xuño) e do Carme (16 de xullo); San Martiño de Frades, para as festas de San Miguel (29 de setembro), Madalena (22 de xullo) e San Nicolao (9 de setembro); Río Maruzo, para as festas do Carme (16 de xullo) e de San Roque (3 de setembro); Río Samo de Galegos, para as festas do Carme (25 de xullo); e Santa María de Papucín, para a festa de Santa María (15 e 16 de agosto).

 

No acto de sinatura dos acordos de colaboración, que tivo lugar no salón de plenos, Rey Martínez estivo acompañado polos representantes das doce asociacións veciñais e polos concelleiros de Facenda, Manuel Ferreiro Marzoa, e Cultura, Jesús Miguel Prado Cea.