Versión en castellano
Inicio Novas A piscina municipal de Frades acolle mañá sábado o “Día do Neno” con inchables, xogos, tren turístico, rock, merenda e festa da escuma
A piscina municipal de Frades acolle mañá sábado o “Día do Neno” con inchables, xogos, tren turístico, rock, merenda e festa da escuma
Venres, 07 Xullo 2017 12:32

2016DiadoNenowebA piscina municipal de Papucín (Frades) acollerá mañá sábado 8 de xullo, a partir das 16:00 horas, a celebración do “Día do Neno”, organizado polo Concello de Frades. Unha gran festa que se realiza por noveno ano consecutivo e na que os rapaces e rapazas volvera a dispoñer, de xeito totalmente gratuíto, de inchables, xogos populares, tren turístico, merenda, festa da escuma e moitas sorporesas.


Entre as novidades deste ano figuran unha actuación de rock e un obradoiro de reciclaxe. Así, ás 18:00 horas, o músico Paco Cerdeira ofrecerá o seu espectáculo “As parábolas de Pakolas”, que ofrece música rock con letras axeitadas para os máis pequenos da casa. Previamente, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio achegará a Frades a campaña “Oportunidades Galicia: separemos ben, reciclaremos mellor”, un obradoiro para fomentar a reciclaxe entre os máis pequenos, a quen lles explicarán os seus beneficios.

 

Ademais, o Concello de Frades ofrecerá merenda de balde a todos os participantes e porá a disposición tanto dos pequenos como das súas familias, e tamén de xeito gratuíto, un tren turístico que os levará polas distintas parroquias do municipio. Este tren alternará viaxes curtas de 15 minutos con percorridos de 45 minutos, nas que se lles amosarán aos pequenos as riquezas culturais e paisaxísticas das distintas parroquias do municipio.

 

Campionato de Pesca

 

Previamente, a partir das 10:00 horas, a área recreativa do río Maruzo (Céltigos) acollerá o XIV Campionato Municipal de Pesca Infantil do Concello de Frades, unha actividade dirixida a menores de 16 anos (que deberán estar acompañados por un adulto). Para tomar parte só é preciso ir provisto de cana e cebo, xa que a participación é totalmente libre e de balde.

 

O alcalde de Frades, Roberto Rey, entregaralles cadansúa medalla a todos os participantes, así como unhas lambonadas. O acto rematará cun pequeno almorzo a base de empanada e bocadillos para repoñer forzas na propia área recreativa do río Maruzo.