Versión en castellano
Inicio Novas A Festa de San Miguel reúne a varios centos de veciños e veciñas de Frades na carballeira de San Nicolao
A Festa de San Miguel reúne a varios centos de veciños e veciñas de Frades na carballeira de San Nicolao
Venres, 29 Setembro 2017 00:00

SanMiguelFrades2017webVarios centos de veciños e veciñas de Frades e de municipios veciños participanna tradicional Festa de San Miguel, que ten lugar na contorna da carballeira de San Nicolao. Festivo local, o protagonismo da celebración recae nas familias e nos grupos de amizades do municipio, que se achegan a comer ata esta carballeira traendo da casa non só a comida, senón tamén as mesas, cadeiras, tendas de campaña etc. Máis fotos.


A pesar das chuvias da noite, o terreo aguantou ben e a carballeira de San Nicolao encheuse de tendas de campaña, carpas de empresa e algunha que outra improvisada con plásticos sobre os bancos de pedra do lugar. Un ano máis, o churrasco, a empanada e a tortilla foron as raíñas da xornada. E ás sobremesas caseiras tamén se poderían engadir as rosquillas, churros e demais larpeiradas nos distintos postos da feira.

 

Como todos os anos, o punto álxido da xornada tivo lugar pasadas as 14:30 horas, coincidindo coa saída en procesión do San Miguel polo contorno da capela e o inicio dos distintos xantares. A orquestra Alborada encargouse da sesión vermú e protagonizará a verbena nocturna canda El Combo Dominicano, para a que se prevé unha grande afluencia de público, sobre todo mocidade da comarca, que faga superar o milleiro de participantes nesta festa.