Versión en castellano
Inicio Novas Máis de oitenta veciños e veciñas de Frades inician o percorrido polo tramo galego do Camiño de Santiago: O Cebreiro - Triacastela
Máis de oitenta veciños e veciñas de Frades inician o percorrido polo tramo galego do Camiño de Santiago: O Cebreiro - Triacastela
Martes, 31 Outubro 2017 18:55

OCebreirowebUn grupo de 81 veciños e veciñas de Frades participaron esta fin de semana na primeira das sete etapas que os levarán a percorrer os 159 quilómetros do tramo galego do Camiño de Santiago. Unha iniciativa organizada polo Concello de Frades e que se desenvolverá ao longo das próximas semanas, sempre en sábado e dependendo da meteoroloxía.

 

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, que acompañou aos peregrinos na primeira etapa entre Pedrafita do Cebreiro e Triacastela, salienta o éxito de participación na iniciativa. “É unha actividade pensada inicialmente para un grupo de entre 20 e 50 persoas e na que este sábado reunimos a 81 veciños e veciñas”, explica Rey Martínez.

 

O alcalde lembra que “aínda temos algunha praza dispoñible para a segunda etapa: 24,6 km entre Triacastela e Sarria, que terá lugar o sábado 18 de novembro”. As persoas interesadas en participar só teñen que anotarse no Concello de Frades ou chamando ao 981 695 567. O prezo por participante é de 10 euros.

 

As seguintes etapas, con data aínda por decidir, son as seguintes: Sarria-Portomarín (22,75 km), Portomarín-Palas de Rei (25 km), Palas de Rei-Arzúa (25,9 km), Arzúa-Pedrouzo (19,2 km) e Pedrouzo-Santiago de Compostela (19,9 km). O autobús sairá pola mañá do Concello de Frades (nunha hora a determinar segundo a etapa) e levará aos peregrinos ato o inicio da etapa e os recollerá no punto de finalización. Os excursionistas decidirán se levan comida da casa ou prefiren que se organice un xantar nun restaurante da zona