Versión en castellano
Inicio Novas Máis de seiscentas persoas participan no Concurso de Disfraces do Concello de Frades
Máis de seiscentas persoas participan no Concurso de Disfraces do Concello de Frades
Luns, 12 Febreiro 2018 16:34

EntroidoFrades2018webO pavillón polideportivo de Ponte Carreira quedou pequeno durante a Festa de Disfraces do Concello de Frades, na que máis de seiscentas persoas chegadas tanto da comarca ordense coma de municipios próximos desfrutaron dun divertido e competido Concurso de Disfraces. Unha festa que se prolongou por máis de catro horas e nas que os participantes tiveron á súa disposición tres inchables, un fotomatón de Entroido e un obradoiro de lambonadas, da man de Fantasía Animación. Máis fotos no noso Facebook.


Ademais, os máis pequenos contaron coa presenza de Peppa Pig e Marshall (Patrulla Canina). Durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou aos presentes a flocos de millo, da man de Garabato de Xogos, e a chocolate quente con bica, mentres que ao rematar o Concurso de Disfraces todos os cativos levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa.

 

Gañadores

 

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, a competición estivo este ano moi disputada polo gran nivel amosado polos participantes e que fixeron que as votacións fosen do máis apertado. Os grandes gañadores da noite foron uns vellos coñecidos: os integrantes da comparsa “24 de Poulo”, de Poulo (Ordes), que levaron o premio de 300 euros ao mellor grupo adulto. Este grupo recreou unha tradicional romaría e revalidou o triunfo conseguido nos anos 2015 e 2014.

 

O segundo premio da categoría foi para “Bar Tolo”, unha comparsa composta por veciños e veciñas de Frades que fixo unha representación dun bar tradicional no que da máquina de discos saían as personaxes que interpretaban as cancións: Luis Fonsi, Shakira, Alaska, Boney M... Levaron un premio de 150 euros. O xurado decidiu declarar deserto o segundo premio da categoría adulto e trasladalo á categoría grupo, polo que concedeu un terceiro premio de 50 euros a “Nunca Jamás”, unha posta en escena do clásico de Disney Peter Pan por un grupo de veciños de Vitre (Frades). Na modalidade de individual adultos, o primeiro premio de 100 euros foi para “Xubilados polo mundo”, de Frades.

 

Na categoría infantil, o grupo gañador foi “8 e 10” (Ordes), unha divertida discusión musical entre tres parellas de pais e as súas respectivas fillas por chegaren dez minutos tarde á casa. O segundo premio foise ata A Coruña coas “Sweet California”, que puxeron a bailar a todo o público presente. Levaron 100 e 50 euros, respectivamente. Finalmente, na modalidade individual infantil os premios foron para Hugo (Frades) pola súa interpretación de “Shakira” e Valeria (Ordes) pola súa “Fantasía do Mar”. Levaron 60 e 30 euros, respectivamente.

 

Premios especiais

 

Finalmente, o primeiro premio especial do Concello de Frades foi para a comparsa “Picapiedra”, cunha coreografía baseada na popular serie de animación de Hanna & Barbera. O segundo premio foi para “Capitán América”, composto por un grupo de rapazas e rapaces de Frades. O terceiro premio recaeu nas catro participantes máis novas da xornada: “As fadas da Fraga”, de tan só 3 anos cada unha. Levaron uns premios de 125, 75 e 50 euros, respectivamente.

 

O xurado estivo composto por Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Ensino; Luís Sánchez Fernández, da ANPA do CPI Ponte Carreira; e Pilar Carro Veiras, traballadora municipal. Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey; e polos concelleiros de Cultura, Miguel Prado; Xuventude, Óscar Botana; e Medio Ambiente, Juan Carlos Portos.